A mellor escola, a casa

9.3.14

Homenaxe a Rosalía no IES de Chapela

O EDLG do IES de Chapela promove o vindeiro luns 10 de marzo ás 12:10h unha homenaxe á poeta precursora no uso da nosa lingua na escrita.
O acto terá dúas partes:
- Recitado colectivo do poema "Has de cantar" (1º poema de Cantares Gallegos) no que participará alumnado representando a cada unha das 21 clases do instituto (ESO, Bacharelato e FP) xunto con representación do profesorado e de nais e pais do alumnado.
- Inauguración dun mural na parede exterior do centro deseñado e realizado polos alumnos e alumnas de 3º ESO Iván Faro, Claudia, Anxo Jorge e Xoel, coordinados polas profesoras Carmen Toro e Emilia Fernández. No mural aparece unha imaxe da escritora xunto coa Ponte de Rande e a Ría de Vigo co lema QUE CANTE CHAPELA NA LINGUA QUE EU FALO.
Con este acto o EDLG do IES de Chapela quere recoñecer o importante papel de Rosalía de Castro na reivindicación da nosa lingua e cultura e, de paso, promover unha identificación colectiva da parroquia de Chapela co uso orgulloso e a promoción da nosa lingua.
Sumámonos deste xeito aos actos que tiveron lugar ao longo de toda Galicia o pasado 24 de febreiro, Día de Rosalía, promovidos pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. As chuvias de xaneiro e febreiro impediron ter rematado o mural a tempo para aquel día, o que nos obrigou a adiar o acto ao vindeiro luns. Máis información en http://oberete.blogaliza.org/

Sem comentários:

Enviar um comentário

E ti que dis?