A mellor escola, a casa

6.5.13

XOGO DE PREGUNTAS SOBRE ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Para comprobar todo o que sabedes sobre Roberto Vidal Bolaño, dende o CEIP Outeiro das Penas propoñémosvos este xogo de preguntas no que podedes facer dous equipos e ver quen chega antes ao escenario. Moita sorte coas vosas pesquisas!!

2.5.13

ROTEIROS DIDÁCTICOS EN MONTE PENIDE

Comezamos co proxecto de posta en valor do patrimonio paisaxístico e cultural redondelán,  ROTEIROS GUIADOS EN MONTE PENIDE, a través de A CITANIA, Arqueoloxía e Xestión de Patrimonio, promovido polo Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura do Concello de Redondela e mais a Coordinadora ENDL de Redondela.

A finalidade deste proxecto é a conservación dos diferentes elementos que conforman a arqueoloxía do noso concello a través da educación, dunha implantación no ensino que valore e presente o noso patrimonio entre o público máis cativo como un ben común que cómpre divulgar e protexer.

Dada a complexidade e abundancia dos restos espallados por todo o Concello de Redondela, esta experiencia centrarase nos elementos que se atopan no contorno do espazo coñecido como Monte Penide ou Monte Mirallo, onde están localizadas as culturas máis representativas da prehistoria galega: o Neolítico, coa necrópole megalítica de “Chan da Cruz/Chan das Formigas”; o Calcolítico/Idade do Bronce, cos Petróglifos de Monte Penide ou Monte Mirallo; e a Idade do Ferro, co Castro de Negros.

O roteiros comezaron hoxe con dous grupos do IES Illa de San Simón, e continuarán durante todo o mes de maio con alumnado do IES Chapela, CEP Santa Mariña, CEIP Cedeira, CEIP Porto Cabeiro, IES Mendiño, CEIP Laredo e CEIP Santo Paio de Abaixo, e participarán dos mesmos arredor de 540 rapaces e rapazas.

29.4.13

PREMIOS DO CONCURSO DA REBORAINA 2013

CATEGORÍA B
1º PREMIO:
“A VIAXE POLAS NUBES”
Raquel Martínez Gallego 5º B
1º ACCÉSIT:
“TERRA PROHIBIDA”
Diego Muíños Míguez 4º B
2º ACCÉSIT:
“O TEMPO NON É UN XOGUETE”
Alejandro Figueroa Rodríguez 6º A 
3º ACCÉSIT:
“O PAÍS DAS FADAS”
Lidia Collazo Couñago 5º B
4º ACCÉSIT:
“LÚA E O MISTERIO DOS VAMPIROS DO DENTE DE CRISTAL”
Aroa Rodríguez Míguez 5º B

CATEGORÍA B
1º PREMIO:
“XOEL”
Uxía Martínez Lago 2º ESO (IES MENDIÑO)
1º ACCÉSIT:
“A LIBERDADE”
Miguel Rancaño Míguez 1º ESO (IES MENDIÑO)
2º ACCÉSIT:
“ONDE O DÍA É NOITE”
Inés Pérez Couñago 2º ESO (IES MENDIÑO)

15.4.13

CONTOS DO MEDIO NO CEIP SANTO PAIO DE ABAIXO

Dende o SNL do Concello de Redondela propóñense varias actividades coas que participamos sempre que podemos. A semana pasada, a empresa Faia, acudiu á clase dos Waters (5 anos) para realizar unha actividade de contacontos a través do medio natural, na que se fomenta a oralidade e o coñecemento do medio,  a diversidade e a igualdade, e se trata abondosamente o léxico galego específico do noso medio natural.



Aquí vos deixamos algunhas fotos desta sesión tan interesante e entretida!


11.4.13

CONTOS DO MEDIO en Redondela

Comezamos a semana coa celebración dunha actividade promovida polo Servizo de Normalización Lingüística e mais a Concellería de Ensino do Concello de Redondela: CONTOS DO MEDIO.

Este programa vén da man de FAIA Educación Ambiental, e promove o coñecemento do noso medio natural a través da ferramenta que nos é máis propia: a nosa lingua. 
A actividade organízase cun pequeno preámbulo cuxos contidos serán os contos, a lingua e o medio. A temática dos contos céntrase nos bosques, nos ríos, no mar, nas árbores, na fauna e na flora; palabras como mincha, arola, landra, esquío, ourizo, queimacasas, xabaril, ferreiriño, curuxa, ouriolo, bolboreta, limpafonte, toro ou neve aparecerán a través dos contos, que farán coñecer os ecosistemas onde viven e a súa diversidade, e entendermos a nosa relación e as nosas obrigas  con eles.
A base da actividade será a lingua oral e o coñecemento do noso medio natural máis inmediato. Aprenderán a nomear certas árbores, animais e plantas da costa e do interior, cuxos exemplos están próximos. Deste xeito comprobarán que aquilo que se nomea ou que aparece nos libros é ou pode ser recoñecido no propio  territorio, no contorno máis inmediato.

O programa organízase en Redondela en 10 sesións,  nas que participarán 270 rapazas e rapaces de  ensino infantil e primario. A programación é a seguinte:
 
Calendario de CONTOS DO MEDIO
DATA CENTRO NIVEL NÚMERO ALUM. HORA
09/04/13 CEIP Igrexa-Chapela 1º ciclo 25 10.00 h
09/04/13 CEIP Laredo 1º ciclo 28 12.00 h
10/04/13 CEIP Quintela 1º ciclo 30 9.30 h
11/04/13 CEIP Sto. Paio Abaixo 3º infantil (5 anos) 25 10.00 h
12/04/13 CEP Santa Mariña 2 sesións (1º) 56 10 e 12.00 h
15/04/13 CEP Santa Mariña 3 sesións (2º) 78 9.30-11.00-13.00
16/04/13 CEIP Porto-Cabeiro 1º ciclo 28 10.00 h


NÚM. TOTAL DE SESIÓNS 10


NÚM. TOTAL DE ALUMNADO PARTICIPANTE 270

19.3.13

Ollos de aula de marzo

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) vén de publicar un novo número da súa revista OLLOS DE AULA.

Neste número pódense ler interesantes artigos sobre como reaccionar ante os suspensos dos nosos fillos, claves para entender o plurilingüismo, e interesantes suxestións para ler, oír e visitar, alén da análise e reflexión habitual sobre algún léxico propio do ensino.

Preme na imaxe para ver a revista en formato pdf.

21.2.13

CONCURSO DE CONTOS

A Asociación Cultural Froles Mareliñas convoca o seu primeiro concurso de contos.

Hai tres categorías: infantil ata os 12 anos, xuvenil de 13 a 17 e adultos a partir de 18 anos.

O premio é de 100 euros para o gañador de cada categoría, pero con todos os contos, editarase un libro de recompilación, premiando a todos os participantes.

A entrega de premios, será no Multiusos de Chapela o día 17 de maio.

19.2.13

Alborada de Rosalía no IES de Chapela

O luns 25 de febreiro de 2013 ás 12:10h no vestíbulo do IES de Chapela o EDLG organiza unha homenaxe a Rosalía de Castro para conmemorar o seu nacemento no ano do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

Alumnado e profesorado participará na interpretación da Alborada de Rosalía de Castro (versión de Ricardo Portela) e no recitado do poema Alborada (Cantares Gallegos).

Deste xeito o EDLG súmase aos actos promovidos en toda Galicia pola Fundación Rosalía de Castro, a Asociación de Gaiteiros Galegos, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo.

Podes acceder aquí a unha explicación detallada do acto.

14.2.13

Premio ANDAINA a obras audiovisuais

A Asociación Andaina Redondela convoca un certame nacional de curtametraxes, dirixido ao ámbito escolar e adicado á discapacidade. O seu obxectivo é facer máis visibles os problemas de integración, e afondar na concienciación e na sensibilización sobre a realidade que viven as persoas afectadas e as súas familias.


O premio está integrado no certame  Redondela en curto, o prestixioso festival de curtametraxes redondelán que este ano cumpre xa a súa 9ª edición.

O prazo para a presentación dos traballos remata o 30 de marzo.


Pódense descargar xa as bases do premio.

30.1.13

Día escolar pola PAZ

Hoxe celébrase o DÍA ESCOLAR POLA PAZ, para lembrarmos o aniversario do asasinato de Mahatma Gandhi (1948-2013).

Dende o SEMINARIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA A PAZ achégannos a programación e os recursos para celebrar este día en toda Galicia.

E aquí vos deixamos unha fermosa achega de artistas brasileiros ao proxecto "We are the world", chamado en Brasil UM MUNDO BEM MELHOR.