A mellor escola, a casa

13.9.16

Proxeccións de MAIMIÑO E O ESPELLO MÁXICO

O 2 e 3 de maio, o auditorio da Xunqueira acolleu as proxeccións de MAIMIÑO E O ESPELLO MÁXICO, un filme de animación indicado para alumnado de infantil e primaria. 

Maimiño e o espello máxico é o único filme de animación infantil galego e en galego.Trátase dunha coproducción galego-cubana (Ficción Producciones e ICAIC de La Habana), baseada na adaptación que sobre o clásico Polgariño  escribiu o gran escritor cubano José Martí, e que publicou no ano 1889 na revista La edad de oro


Dirixido por Ernesto Padrón, que contou coa colaboración como director convidado do galego Bruno López, Maimiño conta unha historia chea de ritmo e enerxía, que incorpora na súa trama algúns dos valores más relevantes a trasladar na primeira infancia: a amizade, a xustiza social, o amor ou a importancia do esforzo para acadar os obxectivos. 

As voces en galego están interpretadas por algúns dos principais actores e actrices do panorama actual como María Castro, Javier Rey, Carlos Blanco, Monti Castiñeiras e Antonio Mourelos, entre outros. 

A banda sonora está asinada polo gran autor cubano Silvio Rodríguez, xunto co compositor galego de música para cine e televisión Manu Riveiro. Maimiño conta, ademais, na interpretación dos temas en galego con cantantes da talla de Uxía Senlle e Xoán Curiel. 

A proxección incluíuse dentro das actividades das Letras Galegas 2016, coa intención de ofrecer cinema en galego á poboación infantil, e participaron 548 escolares dos seguintes centros: EEI San Pedro, CEP Santa Mariña, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto Cabeiro, CEIP Quintela, CEIP Santo Paio de Abaixo, Colexio Vigo e CAPD Chapela.

Sem comentários:

Enviar um comentário

E ti que dis?