A mellor escola, a casa

28.1.14

MONICREQUES EN GALEGO PARA OS ESCOLARES REDONDELÁNS

"Os bonecos de Tanxarina falan galego” é o título dos encontros didácticos que o Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura achegan esta semana aos escolares redondeláns. 


As sesións comezan cun percorrido pola historia da compañía redondelá TANXARINA, á que segue unha exposición e explicación dos tipos de bonecos e as súas formas de manipulación: títeres de luva, sombras chinesas, marotes, marionetas de fíos..., que despois conclúen cun percorrido sensorial e visual a través de pequenas historias do seu repertorio, contadas e faladas polos propios bonecos. 

Os obxectivos fundamentais desta proposta son dar apoio e motivación ao teatro que se fai nos centros escolares coa presentación das múltiples posibilidades do teatro de monicreques e a súa posta en escena, e promover o uso do galego na actividade teatral e nas actividades artísticas en xeral. A programación inclúe sesións matutinas en horario escolar nos auditorios do Piñeiral do Crego de Chapela (o luns e o martes), e no auditorio da Xunqueira de Redondela (de mércores a venres). Nestas sesións participan preto de 1000 escolares, a maioría de ensino primario, pero tamén alumnado de infantil, de primeiro da ESO e do Ciclo superior de Educación Infantil do IES Chapela. Os centros participantes son: EEI A Marisma, CEIP Igrexa – Chapela, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Laredo, CEIP Quintela, CEIP Outeiro das Penas, CEP Santa Mariña, CEIP Porto-Cabeiro, CEIP Santo Paio de Abaixo, IES Chapela e IES Mendiño.


Sem comentários:

Enviar um comentário

E ti que dis?