A celebración, neste ano 2011, do ANO INTERNACIONAL DOS BOSQUES, fixo andar esta iniciativa que partiu do Equipo de Dinamización Lingüística do centro, integrado na Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Concello de Redondela.
O proxecto, titulado “As fragas… para as persoas”, do CEIP de LAREDO, pretende chamar a atención e sensibilizar a comunidade educativa durante o curso escolar 2010-2011,para mellorar e enriquecer o coñecemento, comprensión, recuperación e conservación das masas arbóreas do seu contorno máis inmediato, e lembrar que son parte esencial da nosa cultura e da nosa lingua.
Elaboraron este MAPA BOTÁNICO, logo dun labor de clasificación e etiquetaxe das especies arbóreas existentes, así como unha audio-guía con códigos QR para os móbiles, que permite facer un seguimento do roteiro, escoitando as explicacións feitas polo alumnado para cada árbore ou arbusto. Cada especie arbórea foi sinalizada cunha placa na que vai toda a información relativa a ela, tal como figura na guía que se pode descargar aquí.
A presentación foi feita por alumnado de 6º de primaria, e completouse cunha guía lúdica dirixida pola especialista Pilar Araújo, de INTEGRA Futuros sostíbeis.
Este traballo, que contou coa colaboración e patrocinio das Concellarías de Medio Ambiente e Normalización Lingüística, quere ser a punta de lanza de futuros traballos de promoción conxunta do noso medio natural e da nosa lingua, para que os rapaces e rapazas sexan quen de apreciar o patrimonio natural e cultural, coa súa posta en valor e co coñecemento das especies arbóreas máis significativas do país.
Pódese obter máis información e descargar o roteiro na web do CEIP de Laredo http://centros.edu.xunta.es/ceipdelaredo/?page_id=355.
Sem comentários:
Enviar um comentário
E ti que dis?