A mellor escola, a casa

13.9.16

AXENDA ESCOLAR REDONDELÁ 2016-17

As axendas escolares que edita o Servizo de Normalización Lingüística e maila Concellaría de Ensino do Concello de Redondela xa están chegando aos centros educativos.

A Axenda escolar redondelá 2016-17 estase a distribuír de xeito gratuito entre o alumnado de ensino primario do CEP Santa Mariña, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP de Cedeira, CEIP Igrexa–Chapela, CEIP Laredo, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto-Cabeiro, CEIP Quintela e CEIP Santo Paio de Abaixo, e do 1º ciclo da ESO do IES Chapela, IES Illa San Simón, IES Mendiño e IES Pedro Floriani. Este é o quinto ano consecutivo no que o Servizo de Normalización Lingüística se encarga da edición destas axendas escolares, co obxectivo de divulgar a cultura e o patrimonio locais entre a poboación máis nova, e promover a normalización da lingua galega entre o alumnado redondelán.

A edición para o curso 2016-2017 inclúe algunhas das actividades de dinamización e normalización lingüística desenvolvidas durante o curso pasado por este SNL para os centros de ensino: roteiros de toponimia, obradoiros de teatro radiofónico, actividades de narración oral, representacións teatrais e actividades das Letras Galegas 2016.
Ademais inclúe traballos escolares e as impresións do alumnado participante nas actividades desenvolvidas. Tamén se recolle parte do patrimonio inmaterial a través de ditos e coplas, a onomástica en lingua galega, as conmemoracións escolares e as celebracións propias de Redondela, e contidos relacionados especificamente coa toponimia local.


Con esta publicación o alumnado redondelán recibe unha ferramenta útil para a organización das tarefas escolares, pero ademais serve para incentivar o seu interese polo seu contorno, a cultura local, e para normalizar o uso da lingua galega na súa vida diaria.

Sem comentários:

Enviar um comentário

E ti que dis?