O ano comezou con teatro e moita música para os escolares redondeláns que participaron das funcións de CARAPUCHIÑA VERMELLA, o musical da compañía Educateatro Producións.
Realizáronse tres pases de Carapuchiña Vermella (1 en Chapela o 22 de xaneiro, e 2 en Redondela o 25 de xaneiro), no que participaron 748 escolares das escolas infantís: A Marisma, San Pedro e Ventosela; e dos centros de primaria: CEP Santa Mariña, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP de Cedeira, CEIP Igrexa-Chapela, CEIP Laredo, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto Cabeiro, CEIP Quintela e CEIP Santo Paio de Abaixo. As idades das escolares ían dos 4 aos 10 anos.
Esta é unha versión particular do clásico dos Irmáns Grimm, unha adaptación modernizada na que os personaxes do conto están máis próximos á actualidade.
A historia está narrada por Plácido, un escritor de contos que, axudado pola súa vella máquina de escribir, traballará arreo para mecanografar o conto máis bonito do mundo enteiro: Carapuchiña Vermella.
A proposta mestura teatro de actor con manipulación de corpóreos e voz en directo, para transmitir aos cativos e cativas valores como a ecoloxía e a igualdade ao mesmo tempo que ensina a reciclar ou as profesións, evitando a compoñente sexista.
Carapuchiña Vermella, O Musical está composto por sete cancións orixinais cantadas en directo e pensadas especialmente para as idades máis temperás.
(Fotos de Rafa Estévez)
Sem comentários:
Enviar um comentário
E ti que dis?