A mellor escola, a casa

28.10.12

Día da CIENCIA EN GALEGO, no IES Chapela

O EDLG do IES de Chapela programou unha intensa actividade para o vindeiro 5 de novembro, III Día da Ciencia en Galego:

1. Exposición participativa " Do Big Bang ao LHC", con sorteo de premios científicos entre os  e as  participantes achegados polos Departamentos de Ciencias do IES (Ciencias da Natureza, Física e Química, Tecnoloxía e Matemáticas).
     Pica para ver a forma de participar e para ler  os textos dos paneis.

2. Conferencia "Pescudando nas orixes da materia". Por Cibrán Santamarina, profesor da USC e investigador no CERN

3. Leonardo da Vinci  Cociñeiro. Verdade ou mentira?. Preparada polo alumnado do CM de atención a persoas en situación de dependencia.

18.10.12

A locomotora de María Fumaça en galego


Estes días é novidade unha publicación que non pode deixarnos indiferentes; trátase do libro-CD-DVD de Galaxia-Árbore MARIA FUMAÇA.

O subtítulo "para cantar, bailar e ser feliz" desta locomotora, que percorría as terras do Brasil e que anda agora polos camiños de ferro da nosa terra,  dános un avance do seu obxectivo. Este proxecto de Uxía xunto a Magín Blanco, Isaac Palacín, Carlos Blanco ou Tanxarina Teatro, e unha morea de artistas máis, pretende compartir alegría e música con toda a cativada galega.

Ademais do conto e as cancións, no DVD pódense seguir as músicas e as letras en formato de karaoke, e este é un recurso magnífico para traballar cos máis pequenos.

Para mostra, aquí vos deixo o vídeo titulado O MERCADO, feito por outro artista redondelán, Cuchi Carreira, e gravado nunha tenda redondelá con denominación de orixe: A tenda da Loura.


3.10.12

Ollos de aula, revista da CGENDL

A CGENDL (Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística) achéganos, neste comezo de curso, unha nova ferramenta: OLLOS DE AULA, a revista para as familias do alumnado.

A iniciativa, coma todas as súas, incide no uso da nosa lingua como vehículo de comunicación e achegamento ao coñecemento, pero ademais inclúen recomendacións para facer, ler e oír; información relativa ás leis de educación e o seu funcionamento; e unha serie de claves para comezar ben o curso.

Tal como manifestan na súa declaración de intencións "o obxectivo da publicación é achegarvos información variada ao redor da educación e convidarvos a reflexionar sobre aqueles temas que vos poden preocupar como nais e pais".

Parabéns e longa vida a esta ferramenta que nos vai abrir os ollos!