A mellor escola, a casa

12.12.12

Feira de Troco de Agasallos no IES de Chapela

Este xoves 13 de decembro arranca o calendario de feiras de troco organizadas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Chapela.

Trátase do intercambio entre a comunidade educativa do IES de obxectos que poidan servir como agasallo nas festas de Nadal.

As FEIRAS están fondamente arraigadas na tradición galega. Son, e sempre foron, lugar de encontro e intercambio, espazos para o abastecemento, pero tamén para a vida social.

O TROCO é unha revolución emerxente en tempos de crise. É un sistema de mercado alternativo no que se ten en conta o valor das cousas, non o seu prezo en moeda, promovendo hábitos de consumo responsable e evitando o gasto de diñeiro. Ademáis obriga a unha reflexión previa sobre o que valoramos e o que non valoramos do que xa posuímos e diminúe a produción de residuos. Pon en cuestión o valor actual dos cartos e amosa un xeito á marxe do capitalismo para consumir.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Chapela proponse poñer en valor estas dúas actividades. Preténdese recobrar a vida da feira para, creando espazos para a nosa lingua, reatopar o gusto polo encontro sen cartos de por medio.

O alumnado de todos os niveis educativos (ESO, Bacharelato e Formación Profesional) está coordinado para achegar obxectos durante os primeiros días da semana na que vai ter lugar a actividade. Finalente o xoves é día de feira que se desenvolverá, debidamente ambientada, durante o recreo entre as 12:10h e as 12:30h.

CALENDARIO DE FEIRAS DE TROCO:
Rememorando o calendario de feiras tradicionais, neste curso 2012/13 organizaranse tres feiras de troco entre a comunidade educativa do IES de Chapela:

  • Feira de Nadal (con agasallos): xoves 13 de decembro ás 12:10h
  • Feira de Entroido (con complementos de disfraces): xoves 7 de febreiro ás 12:10h
  • Feira das Letras (con produtos culturais: libros, CD, ...): xoves 9 de maio ás 12:10h

Sem comentários:

Enviar um comentário

E ti que dis?