A mellor escola, a casa

4.6.10

Presentación da campaña "A MELLOR ESCOLA, A CASA".

O Auditorio da Xunqueira de Redondela acollerá mañá, 5 de xuño, ás 20:00 horas, a presentación e divulgación da campaña de dinamización lingüística: "A MELLOR ESCOLA, A CASA. FÁLALLE GALEGO!".
Este traballo desenvolveuse nos centros educativos redondeláns durante o segundo trimestre do presente curso, e consistiu nun chamamento ás familias para colaboraren na divulgación de todos aqueles elementos que conforman a nosa tradición oral: ditos e rimas, refráns, cantigas, contos, xogos populares e adiviñas. E, alén diso, animalas a que utilicen a lingua galega nas súas relacións familiares, para facer efectiva a transmisión da lingua propia de avós a pais e a fillos.
O material recollido, froito deste traballo, está composto por gravacións de audio, vídeo e presentacións, e foi recompilado e editado posteriormente nun CD con material multimedia baixo o título da campaña: “A mellor escola, a casa. Fálalle galego!”.
Este material será distribuído entre os centros educativos como mostra do traballo desenvolvido e de que a transmisión da lingua aínda está viva, e cómpre xuntar todos os esforzos e todas as voces para fortalecela e proxectala cara ao futuro.

No acto do sábado farase a presentación deste traballo e, posteriormente, o grupo de monicreques TANXARINA representará unha función do seu espectáculo TITIRICIRCUS, onde afondará na necesidade de falar galego e de aprenderlle a nosa lingua ás futuras xeracións.
A entrada a esta celebración-espectáculo é de balde e está aberta a toda a cidadanía.

Nas vindeiras semanas iremos divulgando neste blog os traballos recollidos.

Sem comentários:

Enviar um comentário

E ti que dis?