A mellor escola, a casa

28.3.14

CINEMA EN GALEGO PARA SECUNDARIA

O ciclo de cinema galego, VERSIÓN ORIXINAL, que está a celebrarse nestre trimestre no Auditorio da Xunqueira, achégase agora ao alumnado de secundaria.

Deste xeito as producións audiovisuais galegas adquiren un valor que non é doado ver nas salas de cinema comercial e, ao facer as proxeccións en horario lectivo, o alumnado redondelán ten a oportunidade de achegarse a elas como parte da súa formación integral e como complemento educativo da súa formación.

As proxeccións desenvólvense no Auditorio da Xunqueira co seguinte calendario:
 
IES Illa de San Simón (3º e 4º ESO) 135 24/03/14 12.00 h DOENTES
IES Mendiño (4º ESO) 43







IES Pedro Floriani (3º e 4º ESO) 76 28/03/14 12.00 h COSTA DA MORTE





IES Pedro Floriani (1º BAC) 46 08/04/14 12,00 h 18 COMIDAS






Con esta actividade de dinamización lingüística preténdese mostrar a riqueza e utilidade da lingua galega para as creacións audiovisuais, e procúrase unha sensibilización da mocidade redondelá cara ás creacións artísticas galegas.

19.3.14

OLLOS DE AULA do mes de marzo

Xa temos aquí o novo número de OLLOS DE AULA.
Nesta ocasión Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, fálanos sobre o papel que deben asumir nais e pais na adquisión dos hábitos lectores dos seus fillos e fillas; en "palabras do ensino", Lines Salgado ilústranos sobre as adaptacións curriculares; e coma sempre, Gracia Santorum achéganos interesantes propostas para o lecer; na sección "A pregunta" responden á importancia do almorzo para o desenvolvemento dos nenos e nenas e para o seu rendemento escolar. E finalmente unhas propostas para gozarmos da primavera e o sol vestindo con autoestima, elegancia e estilo a mellor das nosas roupas, a lingua e a cultura galegas.
E se vos interesa estar ao día nesta e nas seguintes publicacións, tamén vos podedes subscribir a partir desta ligazón http://coordinadoraendl.org/lists/?p=subscribe&id=2

18.3.14

Vídeo da homenaxe a Rosalía no IES de Chapela

O 10 de marzo de 2014 o EDLG do IES de Chapela organizou unha homenaxe a Rosalía de Castro. 
O acto tivo dúas partes: 
 - Recitado colectivo do poema "Has de cantar", coa participación de representantes de todas as aulas do centro, profesorado, nais e pais e persoal non docente. 
- Inauguración dun mural, realizado por alumnado de 3º ESO, co lema "Que cante Chapela na lingua que eu falo". 

Esta actividade forma parte da iniciativa "Graffiti Rosalía: a fenda nos muros" promovida pola AELG para o día de Rosalía, 24 de febreiro. Non puido desenvolverse nesa data porque as chuvias de xaneiro e febreiro impediron rematar os traballos do mural, mais velaquí o resultado.

CONCURSO DA REBORAINA

Aínda que hoxe remata o prazo dos nen@s do CEIP Santo Paio de Abaixo para participar no Concurso de narrativa da Reboraina, os institutos do Concello de Redondela aínda están a tempo de preparar e enviar os seus traballos.

Aquí vos deixamos as bases e o cartel deste ano que xa pegamos polos distintos IES.

9.3.14

Homenaxe a Rosalía no IES de Chapela

O EDLG do IES de Chapela promove o vindeiro luns 10 de marzo ás 12:10h unha homenaxe á poeta precursora no uso da nosa lingua na escrita.
O acto terá dúas partes:
- Recitado colectivo do poema "Has de cantar" (1º poema de Cantares Gallegos) no que participará alumnado representando a cada unha das 21 clases do instituto (ESO, Bacharelato e FP) xunto con representación do profesorado e de nais e pais do alumnado.
- Inauguración dun mural na parede exterior do centro deseñado e realizado polos alumnos e alumnas de 3º ESO Iván Faro, Claudia, Anxo Jorge e Xoel, coordinados polas profesoras Carmen Toro e Emilia Fernández. No mural aparece unha imaxe da escritora xunto coa Ponte de Rande e a Ría de Vigo co lema QUE CANTE CHAPELA NA LINGUA QUE EU FALO.
Con este acto o EDLG do IES de Chapela quere recoñecer o importante papel de Rosalía de Castro na reivindicación da nosa lingua e cultura e, de paso, promover unha identificación colectiva da parroquia de Chapela co uso orgulloso e a promoción da nosa lingua.
Sumámonos deste xeito aos actos que tiveron lugar ao longo de toda Galicia o pasado 24 de febreiro, Día de Rosalía, promovidos pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. As chuvias de xaneiro e febreiro impediron ter rematado o mural a tempo para aquel día, o que nos obrigou a adiar o acto ao vindeiro luns. Máis información en http://oberete.blogaliza.org/