A mellor escola, a casa

28.1.14

MONICREQUES EN GALEGO PARA OS ESCOLARES REDONDELÁNS

"Os bonecos de Tanxarina falan galego” é o título dos encontros didácticos que o Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura achegan esta semana aos escolares redondeláns. 


As sesións comezan cun percorrido pola historia da compañía redondelá TANXARINA, á que segue unha exposición e explicación dos tipos de bonecos e as súas formas de manipulación: títeres de luva, sombras chinesas, marotes, marionetas de fíos..., que despois conclúen cun percorrido sensorial e visual a través de pequenas historias do seu repertorio, contadas e faladas polos propios bonecos. 

Os obxectivos fundamentais desta proposta son dar apoio e motivación ao teatro que se fai nos centros escolares coa presentación das múltiples posibilidades do teatro de monicreques e a súa posta en escena, e promover o uso do galego na actividade teatral e nas actividades artísticas en xeral. A programación inclúe sesións matutinas en horario escolar nos auditorios do Piñeiral do Crego de Chapela (o luns e o martes), e no auditorio da Xunqueira de Redondela (de mércores a venres). Nestas sesións participan preto de 1000 escolares, a maioría de ensino primario, pero tamén alumnado de infantil, de primeiro da ESO e do Ciclo superior de Educación Infantil do IES Chapela. Os centros participantes son: EEI A Marisma, CEIP Igrexa – Chapela, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Laredo, CEIP Quintela, CEIP Outeiro das Penas, CEP Santa Mariña, CEIP Porto-Cabeiro, CEIP Santo Paio de Abaixo, IES Chapela e IES Mendiño.


15.1.14

"OS TRES PORQUIÑOS" na Xunqueira

Este ano comezamos con forza as actividades de dinamización lingüística que organiza o SNL do Concello de Redondela para a Coordinadora ENDL de Redondela.

O pasado luns, 13 de xaneiro, o Auditorio da Xunqueira acolleu dúas representacións teatrais, a cargo de EDUCATEATRO, do conto clásico infantil "Os tres porquiños". A capacidade do auditorio quedou pequena e houbo un cheo total nas dúas funcións, nas que participaron 550 rapaces e rapazas, de 4 a 8 anos, dos centros de ensino redondeláns: CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto-Cabeiro, CEP Santa Mariña, EEI San Pedro, CEIP de Cedeira, CEIP Igrexa – Chapela, CEIP Quintela, CEIP Santo Paio de Abaixo e EEI A Marisma.

Agardamos poder seguir achegando teatro en galego ás/aos escolares de Redondela, para o seu enriquecemento cultural e como complemento das súas actividades educativas.

 Ao final da función puideron achegarse a saudar aos personaxes e tirar unha fotos cos 3 porquiños, o lobo e o explorador.



Estas son algunhas das novas que suscitou esta actividade entre as escolas participantes:
CEIP Outeiro das Penas
CEIP Santo Paio de Abaixo 
CEIP Igrexa-Chapela
 
E na TVG tamén falaron desta actividade:
http://www.crtvg.es/informativos/mais-de-seiscentos-escolares-ven-unha-obra-de-teatro-en-redondela-732476

13.1.14

O AGUINALDO DO CEIP SANTO PAIO

Este Nadal, como en anos anteriores, o alumnado de infantil de 4 anos, 1º, 3º e 5º ,pediron o aguinaldo. Os máis pequenos foron polas aulas coas súas cancións pero, os maiores (3º e 5º) este ano deron un paso máis; con moito esforzo deles, da profe isabel (profe de música) e das titoras, crearon unha rondalla que percorreu as rúas de Reboreda. Aquí vos deixamos algúns vídeos das cancións e da rondalla.
Noraboa a tod@s por este gran traballo!  


4 ANOS PIDE O AGUINALDO: "A BELÉN VOU EN TREN"
1º PIDE O AGUINALDO: "MARIÑEIRO, MARIÑEIRO"  
CONSTRUINDO A RONDALLA  
A RONADALLA POLA RÚA