A mellor escola, a casa

23.5.13

Roi Casal no IES de Chapela

Grazas á colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela pundemos contar coa presenza de Roi Casal e Silvia Ferre no noso centro o pasado 21 de marzo, día da diversidade cultural.
O alumnado de 2º ESO e de 1º de Bacharelato coñeceu da man destes artistas como reinterpretar a música tradicional cun toque de modernidade e puido apreciar o sons da arpa e do bouzouki acompañando a voz de Silvia.

AID gañadora do Xoves con Música no IES de Chapela

O xoves 23 de maio de 2013 rematou a actividade "Xoves con Música" na que profesorado e alumnado do IES de Chapela escoitou e votou durante 5 xoves os mellores videoclips de música en galego.
Na final impúxose AID, con 45 votos, ante os outros finalistas (Ruxe Ruxe-18 votos, Medomedá-16 votos, Sés-15 votos).

6.5.13

XOGO DE PREGUNTAS SOBRE ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Para comprobar todo o que sabedes sobre Roberto Vidal Bolaño, dende o CEIP Outeiro das Penas propoñémosvos este xogo de preguntas no que podedes facer dous equipos e ver quen chega antes ao escenario. Moita sorte coas vosas pesquisas!!

2.5.13

ROTEIROS DIDÁCTICOS EN MONTE PENIDE

Comezamos co proxecto de posta en valor do patrimonio paisaxístico e cultural redondelán,  ROTEIROS GUIADOS EN MONTE PENIDE, a través de A CITANIA, Arqueoloxía e Xestión de Patrimonio, promovido polo Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura do Concello de Redondela e mais a Coordinadora ENDL de Redondela.

A finalidade deste proxecto é a conservación dos diferentes elementos que conforman a arqueoloxía do noso concello a través da educación, dunha implantación no ensino que valore e presente o noso patrimonio entre o público máis cativo como un ben común que cómpre divulgar e protexer.

Dada a complexidade e abundancia dos restos espallados por todo o Concello de Redondela, esta experiencia centrarase nos elementos que se atopan no contorno do espazo coñecido como Monte Penide ou Monte Mirallo, onde están localizadas as culturas máis representativas da prehistoria galega: o Neolítico, coa necrópole megalítica de “Chan da Cruz/Chan das Formigas”; o Calcolítico/Idade do Bronce, cos Petróglifos de Monte Penide ou Monte Mirallo; e a Idade do Ferro, co Castro de Negros.

O roteiros comezaron hoxe con dous grupos do IES Illa de San Simón, e continuarán durante todo o mes de maio con alumnado do IES Chapela, CEP Santa Mariña, CEIP Cedeira, CEIP Porto Cabeiro, IES Mendiño, CEIP Laredo e CEIP Santo Paio de Abaixo, e participarán dos mesmos arredor de 540 rapaces e rapazas.