A mellor escola, a casa

12.12.12

Feira de Troco de Agasallos no IES de Chapela

Este xoves 13 de decembro arranca o calendario de feiras de troco organizadas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Chapela.

Trátase do intercambio entre a comunidade educativa do IES de obxectos que poidan servir como agasallo nas festas de Nadal.

As FEIRAS están fondamente arraigadas na tradición galega. Son, e sempre foron, lugar de encontro e intercambio, espazos para o abastecemento, pero tamén para a vida social.

O TROCO é unha revolución emerxente en tempos de crise. É un sistema de mercado alternativo no que se ten en conta o valor das cousas, non o seu prezo en moeda, promovendo hábitos de consumo responsable e evitando o gasto de diñeiro. Ademáis obriga a unha reflexión previa sobre o que valoramos e o que non valoramos do que xa posuímos e diminúe a produción de residuos. Pon en cuestión o valor actual dos cartos e amosa un xeito á marxe do capitalismo para consumir.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Chapela proponse poñer en valor estas dúas actividades. Preténdese recobrar a vida da feira para, creando espazos para a nosa lingua, reatopar o gusto polo encontro sen cartos de por medio.

O alumnado de todos os niveis educativos (ESO, Bacharelato e Formación Profesional) está coordinado para achegar obxectos durante os primeiros días da semana na que vai ter lugar a actividade. Finalente o xoves é día de feira que se desenvolverá, debidamente ambientada, durante o recreo entre as 12:10h e as 12:30h.

CALENDARIO DE FEIRAS DE TROCO:
Rememorando o calendario de feiras tradicionais, neste curso 2012/13 organizaranse tres feiras de troco entre a comunidade educativa do IES de Chapela:

  • Feira de Nadal (con agasallos): xoves 13 de decembro ás 12:10h
  • Feira de Entroido (con complementos de disfraces): xoves 7 de febreiro ás 12:10h
  • Feira das Letras (con produtos culturais: libros, CD, ...): xoves 9 de maio ás 12:10h

11.12.12

OLLOS DE AULA de decembro

Xa se pode consultar o número 3 da revista "Ollos de aula", editada pola CGENDL (Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística). Neste número de decembro, alén das habituais suxestións, inclúen artigos sobre a necesidade ou non de axudarlles a facer os deberes aos rapaces, o reforzo educativo, e algúns consellos sobre os xoguetes de Nadal.


5.12.12

Premio escolar "ATRAPANDO A MEMORIA"

A Fundación Vicente Risco, en colaboración coa Asociación Xuvenil Amencer de Ourense, NovaGalicia Banco e o Concello de Allariz, convocan o PREMIO ESCOLAR VICENTE RISCO “ATRAPANDO A MEMORIA”.

 Esta convocatoria está dirixida a alumnado de 3º e 4º de ESO, que deberá formar equipos de traballo de 5 a 10 persoas, e poderán participar todos os centros de ensino que o desexen.

Os traballos consistirán na elaboración dun caderno de campo centrado nunha parroquia ou nun barrio ou vila, que recollerá: datos xeográficos, datos socioeconómicos, recolla de toponimia, lendas, contos, refráns, adiviñas, tradicións, oficios ou algún dato histórico de relevo.

Tamén poderá incluír a recolla e análise de monumentos, vestixios arqueolóxicos e históricos (mámoas, castros, igrexas, mosteiros, cruceiros, petos de ánimas, pontes, estatuas,…) ou elementos etnográficos singulares (conxuntos de hórreos, fornos, muíños, ferrerías, poldras, …). Calquera  elemento ou información que permita rescatar a memoria do pobo.

O prazo para entregar os traballos remata o 1 de abril de 2013, e remitiranse ao enderezo electrónico
secretaria@fundaciónvicenterisco.com

Consulta as bases completas.