A mellor escola, a casa

12.9.12

Axenda Escolar Redondelá

Este curso, o alumnado redondelán de 2º e 3º ciclo de primaria, e mais o de 1º e 2º da ESO, van dispor dunha ferramenta nova, que seguro vai axudar a que organicen mellor as súas tarefas escolares.
O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellería de Ensino do Concello de Redondela veñen de editar a AXENDA ESCOLAR REDONDELÁ. O obxectivo deste traballo é proporcionar ao alumnado redondelán unha ferramenta de traballo na que tamén atoparán coplas, ditos, refráns, adiviñas, referencias culturais e etnográficas de Redondela e información sobre a toponimia e o patrimonio local.

Os contidos da axenda pretenden dar a coñecer ao alumnado redondelán algúns aspectos da cultura e o patrimonio de Redondela, e promoven tamén o uso da nosa lingua na onomástica a través dos nomes e celebracións en lingua galega. 

A edición foi posible grazas á colaboración dos centros de ensino, a través da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de Redondela, que achegaron tamén textos e diverso material gráfico.