A mellor escola, a casa

14.3.12

Pelos na lingua, para alumnado de secundaria

O pasado venres, 9 de marzo, o alumnado dos IES Mendiño, Pedro Floriani e Illa de San Simón, asistiron á representación teatral de Talía Teatro, PELOS NA LINGUA.

A función, promovida polo SNL do Concello de Redondela, é un convite á reflexión sobre a nosa lingua, os usos e os abusos que sofre e os prexuízos que a rodean, dende unha óptica satírica e cómica.

Agardamos que non deixe indiferente ninguén, e que sirva para motivar a mocidade a que use a nosa lingua e se ispa dos prexuízos cara a ela.

13.3.12

A muller e o mar na pintura galega

O EDLG e a Biblioteca do CEIP Porto Cabeiro, xuntamente co equipo de TICS do centro, elaborou este vídeo sobre a muller e o mar na pintura galega, dentro do seu proxecto sobre a Ría de Vigo.


Unha boa selección para nos mostrar a arte galega a través do mar e as mulleres.
Parabéns.

2.3.12

Roteiro por Redondela

Hoxe comezamos un novo proxecto de divulgación do patrimonio e a historia redondelá.
Redondela paso a paso é o nome deste proxecto, promovido polo Servizo de Normalización Lingüística, que se inicia con roteiros guiados polo núcleo histórico de Redondela  para o alumnado redondelán, e que terá continuidade nun futuro coa edición dun libro e folletos divulgativos para o turismo.

Os roteiros serán guiados por dous grandes coñecedores do patrimonio e a historia redondelá, Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure, que ademais son policías locais de Redondela.
As dúas primeiras saídas programadas son para alumnado do IES Illa de San Simón (hoxe, 2 de marzo), e o vindeiro 12 de marzo para alumnado de 3º ciclo do CEIP Quintela.
A historia e o patrimonio redondelán merecen ser divulgados, e a nosa poboación escolar ten agora a oportunidade de coñecelos.