A mellor escola, a casa

14.12.11

Conto viaxeiro de Lois Pereiro

O alumnado de infantil do CEIP Laredo, coa colaboración do CEIP Igrexa, CEIP Alexandre Bóveda e CEIP Porto Cabeiro de Redondela,  e mais a EEI do Con (Moaña), fixeron un conto viaxeiro adicado a Lois Pereiro.










Despois de todo o traballo realizado durante o curso, finalmente, o venres 9 de decembro, fíxose a súa presentación en Laredo cun impresionante "dispositivo mediático" a xeito de estrea de cinema, que fixo participar a toda a comunidade escolar: dende os xornalistas que agardaban ás portas polo alumnado, ata os presentadores que conduciron o espectáculo marabillosamente.


O conto, editado en papel grazas á Concellería de Ensino, en colaboración co SNL, foi entregado tamén a todo o alumnado.


O traballo completouse cun vídeo de presentación, que conta coas propias voces dos cativos. Fixeron as veces de locutores-contadores e achegáronse á nosa lingua oral, algúns deles por primeira vez. Oxalá que non sexa a última!


12.12.11

Relatorios de toponimia

Unha nova actividade, coordinada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, chegou aos IES Mendiño e IES Illa de San Simón, a través da Coordinadora de ENDL de Redondela.

Vicente Feijoo, técnico do Proxecto de Toponimia de Galicia e membro da Asociación Galega de Onomástica, achegounos á toponimia galega, e explicounos as súas orixes, a importancia da súa recuperación para non perdermos unha importante parte do noso patrimonio, como se comezan os traballos de campo, e como a poboación galega foi dándolles nomes ás cousas, especialmente ás pedras, símbolos importantísimos da nosa cultura.

Ademais, explicounos como podemos facer buscas de topónimos para comprobar onde existen e cal é a forma correcta. Así, xa non teremos excusas para escribir ou dicir mal un nome de lugar que non saibamos.


Open publication - Free publishing - More relatorio

Pero tamén nos animou a pescudar e preguntar aos maiores sobre os nomes dos lugares, sobre todo aqueles que se están a perder.

1.12.11

Obradoiros de portugués, OPS!

Continuamos o traballo de dinamización iniciado en abril con dous obradoiros de portugués, OPS!, impartidos por Iria Mayer da AGAL.

Desta volta celebráronse no IES Mendiño, para alumnado de 1º de bacharelato, e no IES Pedro Floriani, para alumnado de 2º e 3º da ESO.
De novo o alumnado puido constatar que grazas a sermos galegos e termos unha lingua de noso somos quen de entendernos en medio mundo. Temos pois unha vantaxe fronte a outras persoas que non saben galego; esa é a nosa vantaxe competitiva.

Canto máis e mellor saibamos a nosa lingua mellor será o entendemento cos pobos que falan portugués, lingua irmá da galega. E isto demostra que a lingua galega serve tamén para entendérmonos fóra da nosa terra.

Déixovos tamén un agasallo que recibimos no obradoiro, cunha fermosa canción de Adriana Calcanhoto á que o alumnado foi quen de completar a letra.