A mellor escola, a casa

28.11.11

O XOGO DO PAPAPIO NO OUTEIRO DAS PENAS

O pasado martes día 15, o CEIP Outeiro das Penas recibiu a visita de Carlos Casares ...ben..., un achegamento á súa figura, promovida dende o SNL do Concello de Redondela.

O Papapío é unha linguaxe imaxinaria para poder falar cos animais que Carlos Casares inventou no seu conto infantil A galiña azul. Dende a Fundación Carlos Casares envíáronnos un estrafalario e simpático personaxe que, de xeito ameno, achegou ao noso alumnado ás diferentes facetas destes escritor.

 Ao remate deste xogo, cada neno e cada nena realiza un cubo / crebracabezas de cartón, onde cada cara do mesmo recrea un aspecto da vida e da obra do escritor. En cada un dos lados empregaron unha técnica distinta pero sempre prestando unha gran atención ás indicacións e comentarios do Papapío:

Primeira cara: O álbum de Carlos Casares.
Segunda cara: Afeccións de Carlos Casares.
Terceira cara: As palabras de Carlos Casares seguen vivas.
Cuarta cara: Érase unha vez os contos de Carlos Casares.
Quinta cara: O seu froito, a súa obra.
Sexta cara: Carlos Casares. O concurso.


21.11.11

A lingua sabe a pan

A lingua sabe a pan é o suxestivo título dun Lipdub realizado pola comunidade escolar do CPI  Virxe da Saleta, de Cea, sobre unha versión de Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd, que fixeron popular os galegos Siniestro Total como Miña Terra Galega.

Unha idea de Álvaro Cunqueiro serviu de motivo para facer a letra deste traballo, que contou coa participación de todo o alumnado do CPI e dos músicos Pedro Feijoo e Charly Lincoln que gravaron, misturaron e produciron nos estudios Muu! de Vigo.


A Lingua sabe a Pan from cpivirxedasaleta on Vimeo.

Un fermoso xeito de promocionar a nosa lingua, para a que tamén fixeron unha versión Karaoke: http://www.youtube.com/watch?v=M_Vb2IxBnOU

Quen se anima?

4.11.11

II Día da Ciencia en Galego

O dereito a gozar da ciencia en galego é o título co que este ano se celebra o II Día da Ciencia en Galego, promovido dende a CGENDL.

Este ano celébrase o Ano Internacional da Química, no que se conmemora o premio Nobel de Química concedido a Marie Curie en 1911, polos seus descubrimentos dos novos elementos Radio e Polonio. Marie Courie foi a primeira muller que recibiu un premio Nobel, pero ademais foi a primeira persoa que recibiu dous premios nobeis (Física e Química); razóns de sobra para homenaxeala neste día Galego da Ciencia.

Pero ademais este ano homenaxéase tamén á matemática galega Mª Wonenburger, investigadora nos EEUU e Canadá, que contribuíu enormemente a desenvolver o papel da muller na ciencia, e que foi recoñecida en 2007 pola Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia coa creación do Premio María Wonenburger para recoñecemento daquelas mulleres galegas con traxectorias notables no ámbito da ciencia e tecnoloxía.

Serven estas dúas homenaxes para recoñecer o traballo das mestras pioneiras que fan ciencia e mudaron para sempre o papel da muller no ámbito científico.