A mellor escola, a casa

17.9.10

Aulas en galego coa forza da lei

Mostramos unha presentación divulgada pola Coordinadora Galega  de ENDL que ofrece unha guía con apuntamentos para dar aulas en galego con seguridade legal.

presentacion                                                                      

E aproveitamos tamén para pór a ligazón da declaración que IGACIENCIA (Institución Galega da Ciencia) fixo a respecto do Decreto 79/2010.

14.9.10

O Decreto impide a competencia lingüística en igualdade

O pasado venres, a Casa da Cultura de Redondela acolleu a presentación do libro "Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo", editado por Laiovento, na que o coordinador do traballo, o xuíz Luis Villares Naveira, fixo unha exposición dende o punto de vista legal dos erros e ilegalidades deste Decreto.

Entre as conclusións deste estudo salienta o feito de que o Decreto 79/2010 vai en contra do principio constitucional da xerarquía normativa ao contradicir a Constitución Española (principio de igualdade), a Carta Europea das linguas rexionais ou minoritarias (que promove o ensino en exclusividade na lingua propia), a Lei de Normalización Lingüística (que obriga ás autoridades educativas a aprobar medidas que promovan o uso progresivo do galego no ensino), e a LOE (que ten como obxectivo principal acadar unha competencia real entre as dúas linguas oficiais).

Entre as súas conclusións salienta o feito de que seguir utilizando a lingua galega como lingua de ensino nas asignaturas científico-técnicas non é un acto de insubmisión ao Decreto senón un acto de reafirmación no cumprimento das normas que están por riba do Decreto para o Plurilingüismo dentro da xerarquía normativa.

Deixóvos aquí unha pequena mostra da súa intervención para que xulguedes por vós mesmos e actuedes en consecuencia.


A ilegalidade do Decreto from SNL Redondela on Vimeo.


Xerarquía normativa from SNL Redondela on Vimeo.

A igualdade real é a dos resultados from SNL Redondela on Vimeo.


3.9.10

Axudas para a dinamización lingüística nos centros educativos

A SXPL (Secretaría Xeral de Política Lingüística) convoca axudas para desenvolver proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario de Galicia, durante o curso escolar 2010-2011.


A convocatoria está destinada á presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino público de Galicia, promovidos polos Equipos de Dinamización da Lingua galega, nova nomenclatura segundo o Decreto 79/2010 para os ENDL. 

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 1 de outubro de 2010.