A mellor escola, a casa

30.6.10

Lingua materna?


Xa hai uns días que Carta Xeométrica fixo esta reflexión. Eu non me resisto a poñer aquí, polo menos, a parte final (que non ten desperdicio). E se vos convida a lela toda, tedes arriba o enlace.




Pregunteime moitas veces polo seu significado e, por máis voltas que lle daba acababa escorregando e só concluía que ningunha das ideas que eu podía ter do que significaba iso da lingua materna me servía. Velaí vai o estudo que me permitiu achegarme a ese concepto.
Problema 1.
a) O pai fala en galego e a nai en castelán. Cal é a lingua materna do neno?
b) O pai fala en castelán e nai en galego. Cal é a lingua materna do neno?
c)  Os pais falan en castelán pero están en Suiza. O neno está ao coidado dos avós que falan en galego. Cal é a lingua materna do neno?
d) Idem ao anterior pero co avó de Zamora, que aínda que leva trinta anos viviendo en Galicia nunca pronunciou unha palabra en galego. No entanto a avoa só fala nesta lingua. Cal é a lingua materna do neno?
Problema 2. 
a) Os pais falan sempre en galego pero diríxense á filla en castelán. Cal é a lingua materna da nena?
b) A nai fálalle en sueco, o pai en galego, pero o neno está de luns a venres case todo o día cos avós que sendo galego-falantes sempre usan o castelán coa rapaza. Cal é a lingua materna da nena?
Problema 3.
a) Os pais fálalle normalmente en galego pero a nena pasa tres horas diarias vendo Clan TV (en español). Cal é a lingua materna da nena?
b) Os pais fálanlle en galego e como son lusistas só teñen na tele canles portuguesas. Cal é a lingua materna da nena?
Problema 4.
a) No caso dos pais lusistas do problema anterior resulta que o neno vai a unha escola infantil de cidade de ambiente castelán-falante que antes tiña unha liña en galego pero que cos novos tempos desapareceu polo que o ensino nesa escola é completamente en castelán. Cal é a lingua materna da nena?
b) Os pais chegaron de León hai 15 anos. El é veterinario e fala en galego fóra da casa. A nai só usa o castelán. Viven nunha vila na que a lingua máis usada é o galego, no entanto nos comercios úsase maioritariamente o castelán. Cal é a lingua materna da nena?
c) O neno aprendeu a falar en romanés e ten sete anos. Como quedou orfo foi adopatado por unha familia galego-falante. Na escola o ambiente é castelófono. Cal é a lingua materna do neno?

Solución: Da pregunta 1 deducimos que a lingua materna non é a da nai, pero tampouca a do pai nin a dos avós ou titores do neno. Polo tanto a lingua ambiental familiar non é a lingua materna.
Na pregunta 2 reafírmase as conclusións tiradas da pregunta 1 e ademais sácase que a lingua materna no é a lingua na que os pais ou familiares se dirixen ao rapaz.
Ao lermos a terceira pregunta decatámonos de que alingua materna tampouco é a dos medios de comunicación.
Da cuarta pregunta extraemos a conclusión de que a lingua materna non é aquela na que aprendemos a falar, nin a lingua ambiental da sociedade na que vive o neno.
A conclusión é clara: iso da lingua materna non é un concepto, é un prexuízo.

23.6.10

Boas vacacións e forza para a lingua

Aproveitamos a tarxeta que editou a Coordinadora Galega de ENDL para desexarvos nós tamén unhas boas e fructíferas vacacións e forza para a lingua galega.

Que o vindeiro curso chegue con ideas anovadas e, malia as decisións contrarias á nosa lingua, sexamos quen de normalizala e facer dela o noso mellor instrumento de comunicación e aprendizaxe.

18.6.10

Novoneyra en árabe e resumo

Nesta última mostra do traballo desenvolvido polo alumnado dos cursos de alfabetización e poboación inmigrante, achegamos o resultado que obtivo Rosalía Giménez Hernández coa lectura do poema Letanía de Galicia.


E a seguir a tradución deste mesmo poema ao árabe, سلسلة من غاليسيا, feita por Mohammed Charafi.



Finalmente presentamos unha galería fotográfica que serve de colofón á nosa sinxela homenaxe a Uxío Novoneyra. 

A música pertence ao último traballo de Uxía Senlle, no que pon música a poemas deste autor, a aproveitamos o fermoso "No bicarelo do bico do brelo":

NO bicarelo do bico do brelo
canta o paxariño.
No mesmiño
bicarelo do bico do brelo.
CANTA o cuco cala e canta
dos castiñeiros do val.
Pasa o tempo e non di nada
e volta o cuco a cantar.

17.6.10

Biografía de Novoneyra e poemas en alemán

Hoxe imos mostrar outras dúas facetas do alumnado de alfabetización de persoas adultas e estranxeiras.
Malia o esforzo que supuxo para algúns deles ler textos en galego, cando nunca foran escolarizados na nosa lingua, o traballo desenvolvido na aula ao longo deste curso fixo posible que Ignacio M. Rodríguez Martínez se atrevese coa biografía de Uxío Novoneyra:


E que Concepción Dosantos Otero demostrase que si é capaz de ler na nosa lingua o poema Se o pasado é pasado:


Claudia Scheffler traduciu e leu este mesmo poema en alemán, co título: Wenn das vorbei ist vorbei.


E finalmente Ceferina Fidalgo Quintas ofrécenos o poema Libertá chamas nos ollos tristes,



seguida da versión en alemán deste mesmo poema que fixo René Scheffler: Freedom Flammen in den traurigen Augen.

16.6.10

Novoneyra en inglés e malaio

Comezamos hoxe coas entregas de diversos textos de Uxío Novoneyra traballados nas aulas dos cursos de alfabetización de persoas adultas e de poboación inmigrante, realizados durante o curso 2009-2010 e organizados pola Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Redondela.
A biografía e máis os textos traballados con este alumnado, tan diverso e de orixes tan distantes, serviu para que se puideran achegar á nosa lingua e á obra do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2010 e, asemade, para que nós sexamos conscientes da diversidade cultural e lingüística e da riqueza que iso supón para a humanidade.

O resultado da dedicación  e entusiasmo das dúas profesoras responsables destes grupos, Aldina Ferreira Fernández e Teresa Couñago Soto,  transmítese tamén nas lecturas do seu alumnado, que foron presentadas inicialmente na HOMENAXE A NOVONEYRA, e que agora iremos traendo a este blog paseniñamente.

A primeira mostra correspóndese coa lectura do poema Fiandeira namorada, feita por Milagros Rodríguez Mosquera en galego,




e por Wan Zalimy Omar en inglés e malaio.


Permintal perasaan from SNL Redondela on Vimeo.

11.6.10

As ciencias en galego

A Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia, ENCIGA, vén de facer público un comunicado sobre o decreto do plurilingüismo.
Reproducimos aquí un parágrafo para apoiar as súas manifestacións e reinvindicar o uso do galego no ensino, tamén na área de ciencias.
Podedes ver o texto completo premendo no título.


A Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), na Asemblea celebrada o 7-V-2010, aprobou por unanimidade transmitir á Consellería de Educación e aos medios de comunicación a seguinte resolución.

5º.- O decreto supón unha imposición aos profesores, moitos da nosa Asociación, do uso do castelán. En vez de promover o uso do galego como sería razoable nunha comunidade cunha lingua propia, promóvense leis que o desprotexen, involucrando nesta tarefa ao profesorado das áreas de Ciencias. Isto é malo para o país, para os centros, para a docencia das ciencias, para o profesorado implicado nestas áreas e, por suposto, malo para o alumnado e para toda a sociedade galega.

6º.- Por todo isto, consideramos razoable e apoiamos a decisión do profesorado que se ten manifestado publicamente no sentido de non aceptar a substitución do galego polo castelán nas súas aulas.

Santiago de Compostela a vinte e sete de maio de 2010


Ademais a CIG-ENSINO, en colaboración coa plataforma Queremos Galego, convocou un encontro para reclamar o dereito a seguir a impartir as aulas de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química en galego, e para amosar o rexeitamento a este decreto que procura erradicar o galego como lingua de comunicación científica.
O encontro terá lugar o vindeiro día 18 de xuño, ás 18 horas, no Museo do Pobo Galego, e nel acordaranse tamén as actuacións que se desenvolverán durante o vindeiro curso, reafirmando a firme vontade de ensinar en galego como compromiso e lealdade co idioma.

Pois alén desta iniciativas, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística desenvolve unha campaña titulada EN GALEGO TAMÉN SE FAI CIENCIA.
Divulgamos aquí o vídeo de presentación para irmos facendo boca.

En galego tamén se fai ciencia from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

10.6.10

FÁLALLE GALEGO! con TANXARINA

A presentación da campaña de normalización lingüística "A MELLOR ESCOLA, A CASA. FÁLALLE GALEGO!" foi toda unha revelación: presentamos e mostramos o proxecto e divertímonos moito con TANXARINA e coas súas sutís reflexións sobre a nosa lingua.

Para os que non puidestes asistir aquí vos deixamos unha pequena mostra, que non é nada comparado co que gozamos o sábado.

4.6.10

Presentación da campaña "A MELLOR ESCOLA, A CASA".

O Auditorio da Xunqueira de Redondela acollerá mañá, 5 de xuño, ás 20:00 horas, a presentación e divulgación da campaña de dinamización lingüística: "A MELLOR ESCOLA, A CASA. FÁLALLE GALEGO!".
Este traballo desenvolveuse nos centros educativos redondeláns durante o segundo trimestre do presente curso, e consistiu nun chamamento ás familias para colaboraren na divulgación de todos aqueles elementos que conforman a nosa tradición oral: ditos e rimas, refráns, cantigas, contos, xogos populares e adiviñas. E, alén diso, animalas a que utilicen a lingua galega nas súas relacións familiares, para facer efectiva a transmisión da lingua propia de avós a pais e a fillos.
O material recollido, froito deste traballo, está composto por gravacións de audio, vídeo e presentacións, e foi recompilado e editado posteriormente nun CD con material multimedia baixo o título da campaña: “A mellor escola, a casa. Fálalle galego!”.
Este material será distribuído entre os centros educativos como mostra do traballo desenvolvido e de que a transmisión da lingua aínda está viva, e cómpre xuntar todos os esforzos e todas as voces para fortalecela e proxectala cara ao futuro.

No acto do sábado farase a presentación deste traballo e, posteriormente, o grupo de monicreques TANXARINA representará unha función do seu espectáculo TITIRICIRCUS, onde afondará na necesidade de falar galego e de aprenderlle a nosa lingua ás futuras xeracións.
A entrada a esta celebración-espectáculo é de balde e está aberta a toda a cidadanía.

Nas vindeiras semanas iremos divulgando neste blog os traballos recollidos.

3.6.10


VÍDEO E PROGRAMA DE RADIO SOBRE UXÍO NOVONEYRA

Para completar as actividades que realizamos sobre Uxío Novoneyra, elaboramos un vídeo sobre a súa vida e obra, así como un programa de radio. Podes descargalos nos seguintes enlaces:
VÍDEO SOBRE UXÍO NOVONEYRA
PROGRAMA DE RADIO SOBRE UXÍO NOVONEYRA